Coñécenos

Unha viaxe sensorial polo mundo da sidra

arrow-2

Que é o Camiño da Sidra?

O Camiño da Sidra é unha iniciativa que une varias rexións cunha proposta conxunta: preservar a sidra e o universo que a rodea e compartila co resto do mundo. A través desta ruta gastronómica, as persoas visitantes poden descubrir o proceso artesanal de produción, degustala e mergullarse nas tradicións, festas e actividades. É algo máis que un percorrido: trátase dunha experiencia viva que promove un turismo sostible, cultural e enogastronómico.

Quen o creou?

Os socios fundadores deste proxecto son a Asociación Maceira e Sidra da Estrada (Galicia), o Consorcio Sagardun (País Vasco) e Sidraturismo Asturias (Asturias). Estas entidades son representativas de cada territorio e comparten un obxectivo común: promover e dar a coñecer unha bebida tan singular como é a sidra, que está viva, pode contar a súa propia historia e mantén as particularidades de cada rexión.
arrow-3

Territorio Asturias

arrow-2

En Asturias, a sidra é moito máis que unha bebida: é unha forma de entender a vida. Está tan presente no día a día da rexión que a súa Cultura Sidreira foi recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. O que fai que esta cultura sexa única é un conxunto de tradicións que só se viven neste territorio: dende o escanciado (ese xesto tan característico de erguer o brazo e deixar caer a sidra no vaso para que rompa) ata as espichas (festas populares que se celebran en lagares ou sidrarías) ou os amagüestos (celebracións de outono nas que se goza da sidra doce e das castañas). Tamén están os chigres, que é o nome que reciben as sidrarías tradicionais asturianas, sempre cheos de vida e de leria.

E todo isto acompáñase dun vocabulario propio e rico que preserva unha tradición transmitida de xeración en xeración. A DOP Sidra de Asturias elabórase de forma natural, con mazás autóctonas e métodos tradicionais. É unha paisaxe que forma parte inseparable da súa identidade.

Quen visita Asturias adéntrase nun mundo sidreiro auténtico, vivo e profundamente enraizado no ADN da súa xente.

Territorio Galicia

arrow-2

A posta en valor da mazá e da sidra galega

A produción e o consumo de sidra en Galicia é o gran descoñecido para o público xeral. A sidra era a antiga bebida de Galicia, algo que está claramente documentado na contundente, aínda que escasa, bibliografía.

A sidra mantívose como bebida popular ata a actualidade, especialmente nas zonas non vinícolas como a comarca interior alta da Estrada (Pontevedra).

Galicia é terra de abundancia e, a pesar da dureza do campo e das adversidades climatolóxicas, a natureza prémianos ciclicamente de forma xenerosa: todas as primaveras florece e dá os seus froitos.

Apóstase por unha forma de elaboración tradicional e artesanal con todas as garantías de calidade da industria.

A sidra galega está vinculada a dous conceptos: «terra» e «orixe». A maioría de nós somos pequenos produtores, e iso é precisamente o que nos dá liberdade para crear, innovar e reinventar.

Constatamos a necesidade do mercado dunha froiticultura autóctona na procura deses sabores auténticos. Ademais, somos optimistas respecto desta revolución agroalimentaria galega, posto que está chea de protagonistas que posúen tres valores inquebrantables: ilusión, convicción e perseveranza.

Territorio País Vasco

arrow-2

A mazá, signo de saúde e lonxevidade, é a froita por excelencia do territorio da sidra vasca, onde todo está vencellado a esa bebida: historia, cultura, economía, costumes, formas de vida, ritos, etc.

Agora tes a oportunidade de coñecer este fantástico patrimonio e compartilo con nós. Vén e coñece as nosas festas, praias, cidades, museos, gastronomía, montañas, tradicións…

Descubre os nosos segredos aprendendo as palabras máxicas da nosa lingua milenaria: o éuscaro, que late con forza no corazón do territorio da sidra.

Vén e goza do territorio da sidra en toda a súa dimensión humana. Txotx!